sábado, 16 de novembro de 2013

Non lembro xa que páxina estaba lendo
cando se apagou a vela da incerteza.
Só sei que logo aparecín inmersa
nun recendo de sabas húmidas
e coa calma a certeza
de estar acertando.
As cousas que rompen non sempre caen ó chan,
e viceversa. Non sempre hai ruído.
Cando me dei conta xa non era quen de parar,
xa non sabía onde estivera antes
nin o que me preguntaran.
- Si, si.
- Si, supoño.
E o tempo pasou, de auga a sol, e máis auga.
E outono. E xa non lembro se o gris era unha cor
ou un oco que encher. Outro.
Contamos estacións e... que? 
Tanto ten.
- Ola, quería facer unha d-evolución.
- Non hai de que.
E todo se fai máis rápido
cando estás comigo.
Ti. Detés o proceso autodestrutivo cun simple
"Fácil". 
Unha e outra vez. Unha e outra vez. (E outra.)
Quedaría así pra sempre.
Quedaría así pra sempre.
Quedaría así...
pra sempre.