E entón recapitulamos e pensamos en Prometeo, condenado a que unha aguia lle comese o fígado, que como el era inmortal volvía medrar. En Sísifo, condenado a subir a rocha montaña arriba, pra que ó chegar á cima esta caese e tivese que volver comezar. En Tántalo, condenado a estar nun lago coa auga ata o pescozo baixo unha árbore con froita, que nunca podía alcanzar, e cunha rocha oscilante que ameaza caerlle enriba. Como non, en Penélope, tecendo e destecendo sen parar (esquezamos o pequeno detalle de que Ulises regresa). E tamén nas danaides, condenadas a encher de auga un tonel que non ten fondo.
Saquemos conclusións. Seguir coa tortura cando xa non quedan motivos. Esperar a chamada dun ser que non fala o noso idioma. Intentar apreixar o océano coas mans abertas. Pretender que se escoiten os nosos berros no baleiro. Castigos eternos.
De verdade paga a pena botar auga nun tonel sen fondo?