quinta-feira, 28 de março de 2013


O meu andar ten un aquel de traxedia
e carrexo aínda días de inverno. Inverno.
Sabes o que iso significa. Xeada e distancia.
As mans baleiras ofrecéndoche todo,
o silencio máis absoluto berrando por ti.
Nunca souben por onde se colle
pra ir a ningures. Mantéñome inmóbil
nos cruces e xiro sen parar nas rotondas.
Non hai saída. Podo ser traizoada mil veces
polos meus desexos. Podo fuxir coas palabras 
que non oíches e petar nunha porta de aire
imaxinando que é a túa. E que abres.
A tinta racha a brancura do papel
e nunca tiven máis. A non-dirección.
Non durmo e ninguén sabe que fundiría
todo o metal do mundo pra fundarmos
unha estación que nos guste. Unha nova.
A miña mente idea catástrofes contigo
e xa non me podo permitir fuxir. Estou aquí.


Sem comentários:

Enviar um comentário