domingo, 3 de março de 2013


Podería cuspir tódalas pestes que teño atrancadas
na garganta
e podería tirar o silencio desde un enésimo piso
e ver como escacha
en mil anacos contra o chan.
Pero hoxe non quero saltarlle á vida ó pescozo
nin limpar as manchas do teu sangue
na miña pel.
Non quero romper os dedos en paredes de pedra
nin finxir unha hostilidade
que non se tén en pé,
coma se algo consubstancial ó universo
estivese en contra miña.
Aparco fóra o demais e déixome de historias,
condeno a morte a "reprodución aleatoria"
e sorrío. Sorrío coma se o teu corpo
fose un vento que vai e vén inconstante na ausencia,
rebelde ata cando sobrevén a calma.
Unha pequena esperanza de poder partirche a cara
cun bico.
E que non teña que significar máis nada.
Foise o sol, irredento.
Confórmome co inconformismo.

Sem comentários:

Enviar um comentário